Saturday 18 de May de 2024

A Xunta somete a información pública a mellora de 64 paradas de autobús en 10 concellos das comarcas de Santiago e de Bergantiños-Costa da Morte


― Trenor informou que esta intervención suporá un investimento autonómico de 2,7 millóns de euros

― Mellorarase a seguridade e a comodidade das paradas, nas que se instalarán marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático, entre outras actuacións

― Favorecerase a accesibilidade para peóns e persoas con mobilidade reducida e reforzarase a seguridade das paradas, tamén con perspectiva de xénero, coa eliminación de vexetación, a mellora da visibilidade e iluminación na súa contorna

― A Xunta ten previsto actuar en máis de 1.100 paradas das estradas autonómicas cun investimento global de arredor de 35 M€

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcaldesa de Santa Comba, María Pose, informou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de mellora de 64 paradas de autobús en 10 concellos das comarcas de Santiago e de Bergantiños-Costa da Morte que suporán un investimento autonómico de 2,7 millóns de euros.
Trátase, dixo, dun dos proxectos do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.

O proxecto que hoxe se somete a información pública abrangue 64 paradas nas rutas de acceso polo noroeste da cidade de Santiago na AC-300, AC-400, AC-404, AC-406, AC-407, AC-432, AC- 441, AC-445, AC-451, AC-453, AC-543, AC- 546, AC-550 e AC-552. Estas intervencións afectarán a un total de 65 parcelas, a cuxa expropiación se destinarán algo máis de 78.000 euros.

Concretamente, no Concello de Santa Comba, melloraranse 13 paradas; en Ames 9; en Brión 21; en Camariñas 2; en Cee 1, en Corcubión 1, en Dumbría 4, en Fisterra 7, en Vimianzo 2 e en Zas 4 paradas. En total o proxecto contempla a mellora de 64 paradas.
Segundo explicou Gonzalo Trenor as intervencións previstas suporán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.

Trátase dunha das actuacións enmarcadas no programa da Xunta para actuar en máis de 1.100 paradas de autobús das estradas autonómicas co fin de mellorar a súa seguridade e accesibilidade, o que suporá un investimento global de arredor de 35 millóns de euros.

A medida está financiada ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

Actuacións
No marco destas intervencións, en primeiro lugar, revisarase se a localización da parada é a axeitada. A localización óptima destas infraestruturas é en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada sexa menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.

Os traballos que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

As obras incluirán medidas de seguridade, tamén con perspectiva de xénero, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.

Ademais, as intervencións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.